Santiago, 15 de febreiro de 2009.- O Posto Médico Avanzado (Hospital de Campaña) que a Fundación Axencia Humanitaria de Galicia remitiu a San Ignacio de Moxos (Bolivia) xa está operativo. Este Posto Médico Avanzado, que foi enviado desde Galicia o pasado mes de outubro, permitirá mellorar as condicións sanitarias de máis de 10.000 persoas nunha zona selvática de Bolivia que padeceu intensas enchentes ao longo do ano pasado.
Por este motivo, a alcaldesa da localidade na que se despregará o hospital, Elizabeth B. Zelada Gil, agradeceu á Fundación Axencia Humanitaria de Galicia e ao seu presidente, Julio Fernández Mato, a iniciativa porque incidirá na mellora da atención sanitaria “das comunidades indíxenas amazónicas de Moxos, que posúen grandes dificultades para acceder ao servizos sanitarios”.
Características do hospital de campaña
O Posto Médico Avanzado que a Axencia Humanitaria de Galicia, dependente da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores da Xunta, puxo a disposición da ONG Solidaridad Médica ten unhas dimensións de 6 metros de ancho por 7 de lonxitude e ten unha altura de 4,2 metros no seu punto máis alto.
Ademais, o envío acompañouse dun kit de medicamentos denominado IEHK06 que inclúe unha serie de servizos sanitarios básicos tales como antibióticos, soros, xiringas, luvas, e material para aprovisionamento de auga”, entre outros. A AECID colaborou coa Axencia Humanitaria de Galicia no envío do hospital de campaña a Bolivia.
A Fundación Axencia Humanitaria de Galicia encárgase de canalizar a axuda que o Goberno galego destina para paliar situacións de emerxencia humanitaria motivadas por catástrofes naturais, desastres ou conflitos que se produzan fóra do ámbito territorial galego.